Estado no que se atopa a atención rehabilitadora no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

O Movemento Galego da Saúde Mental recibiu información sobre o estado no que se atopa a atención rehabilitadora que se está a proporcionar polos profesionais de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

MGSM

Valorada a mesma, realiza as seguintes consideracións:

1- A Terapia Ocupacional é unha das disciplinas rehabilitadoras fundamentais na atención sanitaria no eido da saúde mental. Os seus profesionais forman parte dunha profesión sanitaria diferenciada e como tal autónoma e responsable no exercicio das súas funcións, que fundamenta a súa identidade e actividade nun corpo específico de coñecementos, técnicas e prácticas desenvolvidas nunha longa historia de implicación no tratamento das persoas enfermas. O exercicio desta profesión para lograr a súa mellor contribución á recuperación da saúde das persoas require de dotacións profesionais, e recursos organizativos e materiais específicos. Á súa vez, a súa práctica profesional debe aterse ó establecido na lexislación común a tódalas profesións sanitarias, e en especial no regulado na Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOPS).

2- A Área de Saúde Mental da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago atópase infradotada destes profesionais, o que impide o deseño e execución de programas terapéuticos e rehabilitadores dos pacientes psiquiátricos conforme ás indicacións recomendadas para a boa práctica, véndose así lesionados dereitos asistenciais dos pacientes por serlle negadas de facto prestacións sanitarias recoñecidas legalmente.

3- Á infradotación destes profesionais súmase a deficiente organización da actividade asistencial no Hospital Psiquiátrico de Conxo, e en particular nas súas áreas residenciais, o que impide o cumprimento de obrigas concretas destes sanitarios conforme ó establecido na LOPS (especialmente no referido ó rexistro documental da súa actividade na historia clínica dos pacientes e ó traballo en equipo).

4- A atención especializada de Terapeutas Ocupacionais é aínda máis necesaria canto mais
grave é o defecto funcional dos pacientes psiquiátricos, como é no caso de moitas persoas
ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo. A carencia de recursos (profesionais, organización adecuada e medios materiais para o desempeño da sua actividade) para a cobertura da atención de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico é unha mostra do abandono no que se mantén ese hospital, para o que aínda non se ten definido un Plan Director que oriente o seu futuro.

5- O abandono polas autoridades sanitarias do SERGAS do Hospital Psiquiátrico de Conxo
estano a sufrir tanto as persoas ingresadas nel, ás que se sostén na marxinación social e asistencial vulnerándoselle tódolos días os seus dereitos, como os profesionais que nel traballan que ven gravemente limitadas as súas capacidades de exercicio profesional e as súas potencialidades terapéuticas ante as persoas coas que teñen contraída a obriga asistencial.

En Santiago a 25 de marzo de 2016

Anuncios

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: