Dia mundial da Saúde Mental 2015

10 DE OUTUBRO 2015
DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

MGSMO Día Mundial da Saúde Mental foi establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para chamar a atención das sociedades e os gobernos sobre a situación na que se atopan as persoas afectadas por trastornos e enfermidades mentais, para potenciar o desenvolvemento de políticas acordes coa importancia desta dimensión da saúde e para mobilizar a todos os cidadáns e cidadás contra a estigmatización e a prol da integración e o apoio a todo aquel que se atope, por esta causa, en situación de exclusión ou en risco dela.

Neste día o Movemento Galego da Saúde Mental diríxese á sociedade para trasladarlle a valoración da situación que neste eido estamos a vivir en Galicia.

Non é alarmismo afirmar que, comparado con como estabamos hai un ano, nada vai mellor na atención á saúde mental, na prevención dos trastornos psíquicos  ou na integración sociolaboral daquelas persoas máis gravemente afectadas. Despois de sete anos deste goberno da Xunta, a situación é moi preocupante: os indicadores de saúde evolucionan indiscutiblemente a peor (incremento da incidencia de trastornos psíquicos, grave elevación da taxa de sucidios, aumento do consumo de psicofármacos), os recursos asistenciais específicos atópanse deteriorados e seguen a sufrir recortes, continúase sen planificación e sen coñecemento de cara onde quere ir o SERGAS na atención á saúde mental, prívase ós doentes do acceso a prestacións básicas do sistema nacional de saúde -sinaladamente á psicoterapia que segue a ser un tratamento inaccesible para moitos usuari@s que a teñen indicada e que se beneficiarían dela-. Tampouco se desenrolan  programas ante patoloxías prevalentes e de alto custo humano e económico (trastorno mental grave), desconsidéranse as indicacións da OMS en prevención do suicidio, eludindo a Xunta de Galicia o compromiso mundial da súa redución nun 10% antes do 2020,  e desorganízanse os servizos para impedir a participación dos profesionais.

A crise, tan socorrida polos nosos gobernantes para agochar as súas responsabilidades, xa non é un argumento críble para xustificar o que está a pasar. Non é a crise,  é a forma de gobernar da Xunta: a xestión torpe no día a día, a incompetencia gobernante, o favoritismo na selección dos mandos intermedios, os intereses compartidos coas industrias que fan negocio coa saúde e que, a miúdo, son opostos ós da poboación, e tamén o plan de privatización progresiva da atención á saúde mental.

Esa forma de facer as cousas: incompetente, autoritaria, despectiva cos que non son da corda política-ideolóxica dos gobernantes actuais, sen proxecto de futuro nin esperanza en nada mellor, ten o seu reflexo nunha acción de goberno predominantemente propagandística (da que é un exemplo  o publicitado proxecto mastermind de tratamento da depresión por teleasistencia que cubriu, no seu día, un par de páxinas de xornal e do que non se volveu saber), ou de franco falseamento da realidade (como se reflexou nas recentes respostas parlamentarias dadas polo grupo gobernante no Parlamento de Galicia ante o incremento de suicidios en Galicia, nas que mesmo negaron os seus datos oficiais).

Deterioro, incompetencia, utilización inxusta dos recursos públicos, falseamento  da realidade e abuso da propaganda. Ese é o resumo da xestión en saúde mental do goberno do Partido Popular en Galicia. Estamos moi mal na atención á saúde mental en Galicia: fai falla outra política sanitaria.

Urxe un plan guiado por obxectivos de saúde e que potencie a atención a quen se atopa en condición de maior fraxilidade. É  imperioso o establecemento de prioridades que superen a mera xestión administrativa actual dos servizos e recursos, fai falla un futuro ó que dirixirse para reducir o efecto tan daniño que ten a crise e a súa xestión gubernamental nas persoas con trastorno mental severo, hai que comprometerse cos obxectivos da OMS neste eido, debe apoiarse o movemento asociativo e facilitar a sua participación, e fan falla outros gobernantes que poidan dirixir a sanidade cara un futuro mellor.

O Movemento Galego da Saúde Mental contribuirá tamén á definición dese futuro aportando o seu coñecemento e esforzo ó programa de goberno que necesita este país.

En Santiago a 9 de outubro de 2015

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: