21 de Xaneiro do 2018

A3MareaBlancaCoruñaPontevedraFinal

 

Dende principios de decembro, durante todo o Nadal e mesmo agora somos testemuña dos colapsos das Urxencias en toda Galicia e en todo o estado, chegando o caso dramático do Alvaro Cunqueiro de Vigo, onde para “resolver o” problema, abriron apresuradamente camas, tan apresuradamente foi, que non pensaron que a xente come, e moitos doentes tiñan camas, mais non comida.

No canto de tentar reforzar un servizo a todas luces insuficiente de xeito que poidamos ter unhas Urxencias funcionais, no mellor dos casos todo se mantén como estaba ou contrátase persoal eventual por un día ou unhas horas. Isto en pleno inverno, cando os picos de gripe non son imprevisibles en absoluto, mentras no verán, prohíben enfermar e pechan miles de camas.

Non vos enganedes, o problema non é que falten solucións, o problema é que non hai vontade de aplicalas. O problema non é que a Xunta e o goberno non se decaten do que acontece, NON SON PARVOS, o problema é que están de acordo e planifican o desmantelamento da pública; o que acontece é porque están a entregar o negocio ás empresas privadas, sen máis, baixo o lema, “é o caos, mellora a situación”…para a sanidade privada.

Para conseguilo, xogan coa xente, meténdolle o medo no corpo, chantaxeando coa dor dos doentes, e facendo que o sistema colapse dende dentro: non se dota de persoal, non se dota de financiación, faise que o persoal traballe baixo menos que mínimos a unha presión insostible.

Porque a calidade da sanidade, e a nosa seguridade como usuarios e usuarias, depende directamente das condicións de traballo do persoal dos centros, de todos desde a limpeza ata o ciruxano; ningún está por riba de ninguén. Por elo, desde esta tribuna insistimos na IMPRESCINDIBLE UNIDADE ENTRE O PERSOAL E OS USUARIOS E USUARIAS NA DEFENSA DUNHA SANIDADE 100% PÚBLICA.

Para o 4 de febreiro a Plataforma SOS SANIDADE PUBLICA convoca umha manifestación en Compostela contra o proxeto de Lei de Sanidade que a Xunta quere aprobar nestos meses. Desde a Coordinadora apoiamos todas aquelas mobilizacións que se fagan con ese obxectivo, e chamamos á poboación traballadora a apoiar e se mobilizar o 4 de febreiro, xunto co persoal da sanidade, para frear dunha vez por todas o Desmantelamento planificado da Sanidade Pública.

Mas temos que ser claros. En primeiro lugar, a Plataforma chega tarde á convocatoria contra ese proxecto, que foi acordado polo Consello da  Xunta o 6 de decembro. Esta Coordinadora, xunto con otras forzas sindicais e sociais, convocara xa o 18 de novembro unha manifestación rexeitándoo; manifestación que foi criticada publicamente por SOS Sanidade Pública.

En segundo lugar, acordamos con SOS o rexeitamento do proxecto de lei, mas non acreditamos que nunha negociación coa Xunta vaia ser retirado. Os gobernos centrais e a Xunta levan máis de dez anos desmontando a Sanidade pública, e por unha manifestación que se faga e umha negociación, non se vai frear: A PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE NON É UNHA TOLEMIA DE FEIJOO NIN DE RAJOY, É UNHA POLÍTICA EN TODA EUROPA, DESDE GRECIA ATÉ FRANCIA, DESDE GALIZA ATÉ ITALIA. Son consecuencia dos recortes en gasto social da Unión Europea.

A Marea Branca leva tres anos convocando concentracións e mobilizacións contra a Destrución da Sanidade Pública, sen parar nin un mes; e damos a benvida a todos aqueles que, despois de meses de se limitar a comunicados de prensa, súmanse á mobilización na rúa.

Chamámoslles a nos xuntar para loitar por unha Sanidade 100% Pública, o que significa a derogación inmediata da lei 15/97, do decreto do 2012, do artigo 135 da Constitución, da recuperación para o sector público de todos aqueles servizos privatizados nestos anos, sanitarios ou non (limpeza, mantemento, comedores…).

En resumo, chamamos a preparar activamente desde os centros de traballo e os barrios e á participación na manifestación do 4 de febreiro, ás 12.00 na Alameda compostelá, baixo o lema que defendimos na manifestación do 18 N: CONTRA A DESTRUCCIÓN DA SANIDADE PÚBLICA.

 

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: