MALTRATO INSTITUCIONAL

Dende a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública denunciamos unha vez máis os graves feitos que están a suceder na Residencia Asistida de Maiores de Oleiros, Residencia Pública da rede da Xunta de Galicia.

residenciaoleiros
Non é a primeira vez que nese centro se denuncian deficiencias na asistencia. As propias traballadoras do centro denunciaran a gran carga de traballo existente e a escaseza de persoal, así como situacións na que nunha noite quédase unha soa auxiliar ao cargo de 44 residentes. Como resposta recibiron ameazas e expedientes disciplinarios.

Lola, a nai dunha muller discapacitada residente en dito centro, detecta na súa filla falta de hixiene, a mala calidade da comida, que non lle dan de beber axeitadamente, que non é levada ao servizo ás veces que o precisa, que ás veces permanece atada a súa cama 16 horas continuadas, que non a levan ao salón de visitas no horario establecido polo propio centro… entre outras.

Ante esta reiterada situación, esta nai desesperada, que ve como se maltrata a súa filla, presenta varias queixas ante a Xunta de Galicia. Cando falamos de maltrato, nos referimos á definición establecida pola Primeira Conferencia de Consenso sobre o Ancián Maltratado, celebrada en España en 1995, e na que se acorda definir “maltrato ao ancián” como: “Calquera acto u omisión que produza dano, intencionado ou non, practicado sobre persoas… que ocorra no medio familiar, comunitario ou institucional, que vulnere e poña en perigo a integridade física, psíquica, así como o principio de autonomía ou o resto dos dereitos fundamentais do individuo, constatable obxectivamente e percibido subxectivamente con independencia da intencionalidade ou non e do medio onde suceda”.

Como resposta ás varias reclamacións presentadas ante a Xunta de Galicia, a dirección do centro decide limitar a Lola o horario de visitas que ademáis deberá realizarse exclusivamente nun espazo concreto, impedindo que suba a habitación da súa filla, nunha clara discriminación cos demáis residentes.

Por outra banda, o servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia da Xunta de Galicia, tras realizar as actuacións oportunas, detecta incidencias na prestación de coidados básicos a súa familiar, no que atinxe a: hixiene bucal, cambios posturais e postas ao baño/revisión de cueiros. E como consecuencia, o servizo de Inspección require á dirección do centro: a elaboración dun Plan de coidados; a que realicen unha correcta hixiene bucal ás persoas usuarias tras cada comida e implanten un rexistro deste apoio; o establecemento dunha rutina (coñecida por todo o persoal) de postas ao baño e revisións de cueiros que garanta a hixiene das persoas usuarias; a posta ao baño baixo demanda, na medida do posible; a elaboración dun rexistro de cueiros con información minuciosa; e o rexistro rigoroso dos cambios posturais cos datos necesarios. Tamén recoñécese no centro a prestación deficitaria do servizo básico de manutención.

Un informe demoledor que amosa as claras deficiencias e carencias existentes deste centro.
Condenamos enerxicamente este comportamento inhumano, ao que hai que engadir o sufrimento e impotencia dunha nai ao ver a súa filla nestas condicións.

Todo Isto motivou a presentación dunha DENUNCIA XUDICIAL, xa que os graves feitos denunciados poderían ser constitutivos de infraccións punitivas, toda vez que afectan á dignidade das persoas, e especialmente dunha persoa discapacitada. Non deixan de constituír un trato vexatorio e indigno, infrinxido por un organismo público, que ao noso entender vulnera os más elementais dereitos da humanidade.

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: