Comunicado do MGSM en relación á información sobre a morte dunha enferma na Residencia de Mondoñedo.
Ante o caso da enferma psiquiátrica morta en Mondoñedo por atragoamento na residencia para anciáns e discapacitados intelectuais, do que veñen de informar algúns medios de comunicación -despois da denuncia dos seus familiares contra o Centro e a Xunta por suposta neglixencia no seu coidado-, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai públicas as seguintes consideracións:
1. Persoas como a falecida, afectadas por trastornos mentais graves, que sofren severas discapacidades e que reciben tratamentos psicofarmacolóxicos con frecuentes efectos secundarios -como comprometer o nivel de conciencia e a motricidade-, atópanse ingresadas en residencias pensadas para o coidado de persoas da terceira idade ou afectadas por discapacidade intelectual. As súas dotacións profesionais, espazos, recursos e organización eran, se acaso, apropiadas para ese fin. Mais moitas persoas ingresadas nos hospitais psiquiátricos que se foron clausurando en Galicia nos últimos anos -co obxectivo declarado de poñer fin á marxinación social, á discriminación asistencial e á vulneración dos dereitos humanos dos pacientes psiquiátricos-, foron “externalizadas”, sendo realoxadas nesas residencias pensadas e orientadas para outros fins. Os responsabeis sanitarios de Galicia, en lugar de reforzar a deficiente rede de Saúde
Mental e os recursos sociais, que permitiría a reintegración destas persoas á sociedade de xeito acorde ás súas necesidades e potencialidades, ou no seu caso unha atención residencial especializada, tan só as reubicaron noutro lugar residencial, a miúdo en institucións inaxeitadas que non están dotadas e cualificadas para o seu coidado e tratamento.
Como resultado do anterior, cidadáns que requiren unha atención sanitaria e social específica -á que teñen pleno dereito- non a están a recibir, convertíndose en poboación de risco respecto á súa saúde, seguridade e vulneración de dereitos.
2. Os plans de reubicación de pacientes psiquiátricos en réxime residencial siguen vixentes, transferindo as responsabilidades de atención e coidado dos mesmos dende o SERGAS a centros públicos ou concertados non especializados da Consellería de Política Social. Descoñécese a día de hoxe cantos son os pacientes que se viron afectados por estes plans, as alternativas que foron consideradas na súa “externalización”, o alonxamento espacial respecto ó seu lugar de residencia inicial, o carácter dos centros e residencias aos que foron enviados, as condicións de aloxamento, as dotacións e cualificación do persoal deses centros, os programas de coidados e seguimento pola rede de Saúde Mental, e os plans periódicos de inspección dos mesmos -cos seus informes correspondentes, para poder garantir o cumprimento dos criterios de acreditación para a función de coidado de enfermos mentais crónicos.
3. Estas persoas, como consecuencia do efecto causado pola enfermidade e a institucionalización sufrida, atópanse nunha especial condición de vulnerabilidade, e polo mesmo, cunha necesidade incrementada de atención e coidado polo Servizo Galego de Saúde. Mais a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, na execución do plan de peche dos hospitais psiquiátricos (aínda incompleto) non puxo os medios para mellorar a atención ás persoas neles ingresados. Reubicounas noutro lugar, trasladando a súa institucionalización a outros espazos. Así, transferíu pacientes e recursos económicos dos hospitais psiquiátricos a centros privados concertados e algúns públicos, incumprindo as súas obrigas a costa dos dereitos e necesidades destas persoas, sen reinvertir nelas os recursos liberados co peche dos hospitais psiquiátricos.
4. O MGSM considera que calquera valoración sobre esta cuestión, e as medidas axeitadas ante a mesma, ten que partir de que estas persoas (os pacientes psiquiátricos en coidado residencial) son as máis abandonadas historicamente, as máis graves, e as máis desprotexidas, daquelas atendidas no eido da saúde mental. A súa capacidade de defensa dos seus dereitos é moi reducida, cando non nula. O risco que sofren de abandono asistencial, maltrato, abuso e vulneración nos seus dereitos é moi alto. Ante elas, a sociedade e as súas institucións teñen unha responsabilidade incrementada.
5. Por todo o anterior, cómpre esixir aos responsabeis políticos unha revisión e rectificación dos plans asistenciais que afectan a estas persoas, que deben ter unha atención prioritaria. E así, dirixímonos ao Parlamento de Galicia para que no exercicio da súa función controle o cumprimento da obriga da Xunta nesta cuestión; á Xunta de Galicia para que cumpra coas súas obrigas e funcións de coidado e asistencia sanitaria; á Valedora do Pobo para que asuma a protección destas persoas tan vulnerables; e aos profesionais da Saúde Mental e Servizos Sociais para que prioricen as súas accións a favor de quen máis os precisa.
En Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2016
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental