Cantos máis casos, menos médicos. Esiximos para o centro de saúde de Chantada o 100% do persoal.

Ou cando un alcalde, neste caso o de Chantada, vive nunha realidade paralela.

Co Nadal ás portas e con vaga de gripes e pandemía de COVID-19 (37 novos casos nos últimos 14 días, dos que 22 se produciron na última semana) desde Por Chantada volvemos denunciar o colapso do centro de saúde de Chantada. A situación actual é totalmente dantesca con cartaces por todo o centro que indican «Consulta pechada. Só se atenderán urxencias» xusto en plena onda da COVID-19 e con varios gromos en Chantada.

A pesar do dramático da situación no pleno ordinario da Corporación, que se celebrou onte 2 de decembro, o alcalde afirmou que el visitara o centro de saúde e que practicamente non había pacientes, xustificando así o maltrato que o PP está dispensando ao rural en xeral e a Chantada en particular.

Viciñanza que tiña cita hoxe, 3 de decembro, vena mudada para o día 20 de novembro e sen garantías de que poidan ser atendidos e aínda grazas que está a pediatra. No entanto, o Sergas segue dando citas por Internet a pesar de que non cobren baixas nen mandan medios. Hai médicos en Chantada con cupos de 1600 pacientes cando 70% dos mesmos teñen máis de 70 anos, polo que 1.000 pacientes no rural equivalen a máis de 4.000 nunha cidade en carga e intensidade de traballo.

Con máis de 8.000 habitantes no Concello, dous médicos deben atender todos os cupos e desde a xerencia de Lugo non se envía persoal polo que co persoal existente, 2 facultativos e 4 traballadores da enfermaría, só se dan atendido urxencias e se hai que ir atender unha urxencia ou atención domiciliaria fica un único médico para todo o centro de saúde. A situación é tan calamitosa que non se poden dar altas médicas nin renovar partes de baixa, apenas se lles expide un papel por parte dos administrativos do centro debendo.

Así as cousas, cidadáns que tiñan cita estes días deberán agardar máis dunha semana para seren atendidos, no mellor dos casos, e as citas que se obtiveron hoxe adíanse xa até os días 13 e 14, no caso de que desen atendido.

Por súa vez, os rastreadores remiten para os resultados das PCR ao médico de cabeceira polo que PCRs feitas o día 1 terán que agardar até o día 14 para saber o resultado, mentres se dan altas aos 10 días sen PCR de confirmación para camuflar dados co que se arriscan a propagar máis a pandemía.

Na secuencia do exposto, é materialmente imposíbel dispensar unha atención minimamente axeitada en plena vaga da COVID-19. Dous médicos non poden atender a máis de 90 pacientes cada un día após día ou empatando quendas de urxencias coas mañás reiteradamente. En novembro, os facultativos atenderon entre 60 e 90 pacientes ao día, o que equivale a dedicar apenas uns segundos por cada paciente, unha degradación absoluta e total da atención médica e da sanidade pública.

A propaganda da Xunta é que non hai médicos ou pediatras e mesmo pretenden desviar a responsabilidade desta suposta carencia cara ao Goberno central. O PP oculta que o Sergas só está ofrecendo medias xornadas de luns a venres, para aforrar o soldo e a seguranza social da fin de semana, que, aínda por riba, na práctica son xornadas completas de 9 a 13 horas con 60 pacientes e, moitas veces, empatando coas urxencias (noite). Nestas condicións, con contratos a días, enganosos e precarios; os facultativos foxen deles coma da peste. Que calidade pode reunir a atención médica dispensada nestas paupérrimas condicións? Que falta total de Humanidade e empatía pode levar a xerentes e responsábeis políticos a actuares deste xeito?

Desde Por Chantada denunciamos a deliberada degradación da sanidade que practican Feijoo e o PP. Anuncian obras para centros que non terán médicos mentres non manteñen en condicións os actuais. As obras non salvan vidas, mais son máis lucrativas ca os soldos dos profesionais. Os dados e a realidade que todas e todos vivemos non se oculta con propaganda e titulares nos medios de comunicación. Fronte ás agresións á sanidade e á regresión dos nosos direitos animamos a todas as persoas afectadas a denunciar interpondo reclamacións nalgún dos seguintes lugares:

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: