A devastación do servizo sanitario alcanza Corrubedo

A veciñanza empeza a se defender diante da ameaza de quedar sen médico, despois de que o Sergas teña reducido as horas de atención, primeiro coa escusa do coronavirus e, máis tarde, de que non topa substitutos.

Redacción adiante | A Coruña | 1 de xuño. Na vila mariñeira de Corrubedo, setecentos veciños, famosa polo complexo de dunas, que medra cada verán con retornados e turistas, hai unha semana e pico que medio cento de veciñas e veciños protestaron diante da Casa do Mar, o edificio que acolle o centro de saúde nunha lixeira costa que sube desde o porto. O centro de saúde quedou sen médico e a xente temía que fose para sempre. Estas cousas pasan cada dous por tres no rural galego. O lento desmantelamento da rede sanitaria no rural ten un efecto devastador. A xente sábeo, e sabe que ten que se defender. En Corrubedo empezaron o martes día 26 de maio, despois de que o día anterior toparon un carteliño na porta que informaba da ausencia do médico de Atención Primaria, que pasaría consulta desde Riveira, na cabeceira da comarca, a dez quilómetros de distancia.

O venres aínda todo estaba normal, pero o sábado apareceu unha nova no diario dixital da comarca, O Barbanza. Advertía que desde o luns 25 “os médicos atenderán desde o centro de Riveira e activarán as recetas polo sistema informático”. E engadía: “en caso de urxencia haberá que chamar o 061”. A mesma información explicaba as razóns da supresión do servizo: “o desprazamento dos médicos o Centro de Saúde de Riveira prodúcese por ser persoal de risco e non haber outros que os poidan substituír”.

Sucedeu sen previo aviso. E pode que iso aumentase a inquedanza das veciñas. O doutor Fontao non apareceu o luns nin tampouco o martes.

“Pensabamos estar dez ou doce na protesta, e apareceron cincuenta veciños”, di un portavoz dun colectivo que aínda está por se organizar. Onte tiñan convocada unha reunión informativa no local do antigo colexio. “A xente está moi pendente. Vas pola rúa e dinche: ‘non paredes, que nolo levan e non volve!”.

O martes 26 tampouco apareceu o doutor nin substituto ningún. As veciñas escribiron cartas á Área Sanitaria de Santiago solicitando unha explicación. Non tiveron resposta até o xoves. Na concentración xuntáronse medio cento de persoas.

Contra as dúas da tarde, o goberno municipal (PP) emitiu unha nota de prensa. A edición comarcal de La Voz de Galicia recolleu a nova esa mesma noite. O alcalde conseguiu converter un titular que ía denunciar a retirada do médico en Corrubedo e Palmeira, noutro que dicía ‘El centro de salud de Corrubedo volverá a tener médico hoy’, polo mércores… A noticia na Voz axudaba a construír ese relato. Apuntaba: “El Concello, a través de su alcalde, Manuel Ruiz, movió ficha (…) y según indicaron fuentes municipales, hoy mismo la plaza de médico será ocupada”.

Desde a Marea Blanca protestan: “O PP manobra para devolver o médico que antes lles quitou e vendelo como éxito da súa xestión. Estamos en campaña electoral e para Feixoo vale todo”.

O xoves 28 chegou a resposta da xestión sanitaria. Viña asinada por Felipe Calle, como director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Informa en castelán: “El centro de salud de Corrubedo no se cerró en ningún momento y se realizó consulta telefónica (…) los dos pacientes citados el día 25 no precisaron atención en el Centro de Salud de Riberia y los citados el día 26, otros dos pacientes, se desplazaron al Centro de Salud de Riberia (…) Esperamos que esta circunstancia dure el menos tiempo posible y podamos recuperar la actividad”

Palmeira, sen médico

En Corrubedo coñecían que en Palmeira, unha parroquia a uns doce quilómetros no outro lado da península do Barbanza xunto a ría de Arousa, levaban varias semanas sen a médica por cousas do coronavirus, dicían. “E, de súpeto, xusto cando nós empezamos a protestar en Corrubedo, alí puxéronllo tamén… Pensamos que non é casualidade, que o plan era o mesmo en Palmeira e aquí”, explica o portavoz veciñal, “querían eliminar o servizo aproveitando a pandemia e se ninguén protestaba, pois non había problema, en Palmeira estiveron case un mes sen substituta e non pasaba nada”.

O mércores 27, chegou por fin un substituto. Veu para tres horas e marchou atender outros pacientes. Ao día seguinte, apareceu en Corrubedo un responsábel do Centro de Saúde de Riveira. Falou cos veciños, contoulles que non había plan ningún de suprimir o servizo, que o que pasara é que non topaban médicos para substituír os que mandaran para Riveira, que os mandaran porque en Riveira había outros médicos de baixa e precisaban reforzar aquel centro, e que desde alí atendían Corrubedo e Palmeira e as outras cartillas.

“Galiza perdeu máis de mil facultativos nos últimos anos debido aos recortes e á precariedade das condicións laborais. Non é escusa a falta de profesionais, a causa é a política laboral do Sergas. E, mentres tanto, o orzamento de Atención Primaria mantense nun 9,7% por baixo do 2009. Nada sucede por casualidade, é a política de Feixoo”, explican desde a Marea Blanca. A oposición en Riveira empezou a reaccionar. O BNG rexistrou unha pregunta ao alcalde sobre a situación en Corrubedo. O PSOE tamén se interesou polas razóns da protesta.

O médico substituto volveu tres horas o xoves e o venres. Este luns, día 1, veu unha doutora, que tamén cubre a baixa en Palmeira. “A atención non se recuperou, simplemente vén unha médica tres horas, de 9 a 10:45; antes tiñamos un a xornada completa, até as tres da tarde”, advirte o portavoz. “Foi todo tan rápido que nin tempo tivemos a xuntarnos. Non se podía deixar pasar o tempo, porque en Palmeira non se moveron e mire, case un mes sen a médica…”

Agora, esperan que a campaña electoral en marcha non polarice á veciñanza e a protesta esmoreza. Se paran, lévanlles o médico. Sábeno.

Precedentes

Desde a Marea Blanca avisan que “Corrubedo e Palmeira non son excepcións ao plan e forman parte do desmantelamento paulatino e programado da Atención Primaria”. Lembran algúns precedentes:

Maltrato ás nenas precarizando os servizos de Pediatría en Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas que se viron obrigados a desprazarse a Ferrol; Baiona sen pediatra fai tres anos. Recortes no servizo en Zas. Problemas na Coruña (Abente e Lago) ao comezo de ano. En Carral, obrigadas a desprazarse até Cambre. En Bueu, que leva meses cunha pediatra para mais de 1.400 nenas. Ortigueira, Agarimo e Mañón con problemas de Pediatría durante os primeiros meses deste ano. Fisterra, Cee, Camariñas e As Pontes, sen pediatra con máis de 1.000 nenas.

Maltrato ás mulleres galegas co intento frustrado de fechar o paridoiro de Verín e non cubrindo, entre outras, a baixa de xinecoloxía desde hai anos no COF da Coruña.

Maltrato ás persoas maiores non inspeccionando as condicións de coidados nas residencias.

Maltrato á cidadanía sen médicos de familia en Valeixe; en Carnota con desprazamentos de 3 horas para facer hemodiálise tendo un hospital a 20 minutos. As mortes innecesarias de enfermas de Hepatite C cando había tratamento para combater a enfermidade; e as de nenas e nenos de Meninxite B cando había vacina para iso, negándose o Sergas á súa distribución, obrigando aos seus pais, no seu momento, a ir buscala a Portugal. Maltrato á cidadanía de Cambados por fechar o ambulatorio pola tarde…

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: