A CHANTAXE EMOCIONAL DA C.E.O.E.

O 30 de xuño, a CEOE publicou o seu documento Pacto en defensa de la sanidad privada española, que inclúe unha serie de propostas a nivel estatal destinadas a aumentar a concertación co sector privado e, por tanto, a penetración da empresa privada na prestación dos nosos servizos sanitarios. Dende a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública A Coruña mostramos o noso rexeitamento ao avance destas políticas, e pasamos a analizar as afirmacións que fai a CEOE no Pacto (que resaltamos en negriña).

  1. En un momento de cambios sin precedentes de nuestra sociedad, acelerado por los importantes avances tecnológicos, farmacéuticos y médicos, el envejecimiento demográfico y el consiguiente incremento de la cronicidad, está en peligro la solvencia y sostenibilidad de nuestro sistema sanitario.

Curmá de primeiro grao de «os servizos públicos non son sostibles», «a sanidade pública é máis cara que a privada» e «o máis eficiente é que cadaquén pague o que poida e quen non, pois mala sorte, porque salvarche a vida ou darche unha vida digna custa cartos», hai datos a moreas para desmontar tan manidos tópicos. Na seguinte ligazón pódense comprobar datos da OCDE que demostran claramente que a sanidade privada é máis cara que a pública:

Obtido de La gran mentira de la sanidad privada en 8 graficos

Se o sistema público non é sostible é porque se recortou salvaxemente dende o inicio da crise en 2008. Duns orzamentos de 70.579 millóns de euros no ano 2009 pasamos a 53.000 millóns de euros no ano 2015. 17.000 millóns de euros menos en 6 anos, se ben a privatización comeza xa dende as fiestras abertas dende o establecemento da Constitución e o desenvolvemento de sucesivas leis que non fixeron máis que ampliar a participación da privada. Polo tanto, o único camiño é devolver ao sistema público todo o que se lle arrebatou. Mais a planificación do gasto prevé todo o contrario:

Segundo Pablo Vaamonde, médico e autor de La salud como negocio (Ed. Laiovento, 2016), «El gasto sanitario público en España es bajo en comparación con los países de nuestro nivel socioeconómico (menor que el promedio de la UE15, UE27 y OCDE) y crece moderadamente (aproximadamente la mitad en porcentaje anual que la media de la OCDE) y más el gasto privado que el público. Por lo tanto, no se justifican las visiones alarmistas sobre la sostenibilidad del sistema sanitario público.»

En realidade é moi sinxelo: sempre que se inclúa un intermediario con ánimo de lucro (empresas privadas neste caso), parte do capital dispoñible convértese nese lucro. E como se converte nese lucro? Retirándoo doutras partidas. Polo tanto, é evidente que unha partida destinada á sanidade pública que se entrega á privada vese reducida de inmediato, xa que o lucro leva unha parte dese diñeiro, que non revirte completamente no seu obxectivo: prestar un determinado servizo sanitario. A eficiencia económica é o criterio primordial, e se nos baseamos nese criterio, pagar empregos estables non vai estar na lista. Por iso é fácil demostrar que, en canto entra a empresa privada, a calidade do emprego diminúe rapidamente.

Supoñamos que unha xestora ten 10.000 euros para prestar un servizo, e pode dedicar 10.000 euros a prestalo directamente. Eses 10.000 euros repártense en emprego, material, facturas, etc. Se esa mesma xestora decide dar eses 10.000 euros para que o xestione una empresa privada, eses 10.000 euros repártense en emprego, material, facturas ademais da parte que debe gañar a empresa polo servizo que presta. Porén, existen outros tipos de eficiencia nos que non prima o criterio económico: ninguén dúbida que unha poboación sa é un indicador de progreso.

 El sector sanitario privado contribuye de manera significativa al desarrollo de nuestro país, por lo que […] debe ser un aliado estratégico incuestionable.

Si, nas circunstancias actuais, é lóxico que teñamos que depender deles: a lexislación así se fixo, para darlle cabida á sanidade privada. Mais, tal como as leis cambian e se desenvolven para obter un obxectivo determinado, as leis poden desfacerse e construírse de xeito que garantan os dereitos de atención da cidadanía, non os «dereitos» de ingresos das empresas. É máis, a empresa, o emprendemento, por definición supón un risco. Se o sistema público non é sostible, é dicir, non pode xerar ingresos nin para sosterse a si mesmo, como é posible que unha empresa privada, cuxo último obxectivo é maximizar ditos ingresos, queira meterse nun negocio tan ruinoso?

  1. […] presentándola [la sanidad privada] como enemiga de la sanidad pública y estableciendo barreras en cada vez más CCAA, tanto ideológicas como legales. De hecho, hay CCAA donde el éxito se mide por la desconcertación y discriminación al sector privado.

«Barreiras ideolóxicas» e «ideoloxía» son frases que están moi de moda, mais moi mal empregadas en todos os medios. Curiosamente, «ideoloxía» e os seus derivados só se empregan para describir a certos colectivos que defenden certas ideoloxías, como se unha ideoloxía en si fose algo malo e só fose a dos «outros». Mais vexamos a definición de «ideoloxía»:

 

É dicir: ideoloxía é todo, é calquera conxunto de ideas relativo a calquera grupo. A CEOE ten unha ideoloxía, o PP outra, Podemos outra, os sindicatos cadansúa, etc., por máis que queiran facer ver o contrario. Por desgraza, trátase dun discurso que xa calou moi fondo, terxiversando claramente o significado. Viuse moi claramente como se fixo algo similar cando, no canto de chamar imputada á xente imputada, pasouse a chamárselle investigada.

A CEOE non indica cales son esas comunidades nas que o éxito se mide pola desconcertación, mais gustaríanos que nolas presentase, a fin de podermos contrastar datos.

  1. En su artículo 41, […], la Constitución establece que los poderes públicos mantendrán un régimen público de Seguridad Social para todos los ciudadanos, que garantice la asistencia y prestaciones sociales suficientes ante situaciones de necesidad. […] legitima la actividad empresarial privada, reconociendo en su artículo 38 la libertad de empresa en el marco de la economía de mercado, y obliga a los poderes públicos a garantizar y proteger su ejercicio y la defensa de la productividad, de acuerdo con las exigencias de la economía general, y, en su caso, de la planificación.

Efectivamente, se se acode á Constitución, a Constitución establece todo isto. Porén, non son dúas cousas incompatibles, malia que a CEOE así o interprete. É de caixón que a prestación dun servizo público en nada interrompe o desenvolvemento da actividade privada (mesmo se se trata de actividades de sanidade), xa que non a prohíbe nin a desincentiva en ningún caso. Se a CEOE tivese unha mentalidade verdadeiramente baseada na libre competencia e non no «non vos preocupedes que xa quedamos nós con todos os cartos», mesmo se podería considerar que a existencia dun servizo público de calidade fomenta a innovación e a competencia pola parte da privada (a Constitución di que «A asistencia e as prestacións complementarias serán libres»), mais o sector privado non se ve capaz de competir cun servizo público competente e parece considerar que é máis sinxelo destinar cartos públicos ao seu negocio e dinamitar a actividade pública. Así, prefiren facer lobby para fomentar leis que desmonten a prestación do servizo público, desprestixiando sen vergoña algunha á sanidade pública, antes que competir en condicións de igualdade. O sector privado ten moitos problemas coa financiación pública ata que as subvencións ou «colaboracións público-privadas» son para eles. Todo razoable, todo lóxico! (Exactamente o mesmo razoamento pode aplicarse aos Tratados de Funcionamiento da UE, que tamén menciona a CEOE no seu Pacto).

  1. […] la mencionada ley [14/1986] señala en su artículo 66 que las Administraciones Públicas crearán una red integrada por los hospitales del sector público y por aquellos hospitales del sector privado que soliciten la vinculación al SNS […]

Por desgraza, nisto teñen razón, e a lei así o establece. Mais como se comentaba máis arriba, as leis pódense facer para obter diversos obxectivos, e se o obxectivo é garantir a prestación dun servizo, só pode facelo o estado. O mercado libre funciona pola lei da oferta e a demanda, mais deixa desatendidas aquelas áreas nas que á demanda é feble, polo que soamente un servizo público de calidade pode cubrilas. Isto non atinxe unicamente á sanidade, mais tamén á educación e á xustiza, piares básicos de calquera sociedade que se considere minimamente civilizada (e está en liña co artigo 41, da Constitución los poderes públicos mantendrán un régimen público de Seguridad Social para todos los ciudadanos). Por certo, a Constitución é outra lei… que foi intocable ata que se considerou que podía cambiar de súpeto, e precisamente con obxecto de permitir estes recortes. É dicir: tamén se pode cambiar.

  1. En España hay casi 10 millones de personas que cuentan con un seguro privado de salud, entre los que se encuentran más de 2 millones de funcionarios, cuya atención en la sanidad pública sería inviable con las actuales infraestructuras del SNS que quedarían colapsadas de verse en tal tesitura.

Non o dubidamos. Claro que habería que volver a facer estas afirmacións cando se devolvan os recursos que se retiraron da sanidade pública, se contrate o persoal cuxos postos se pecharon, se abran todas as camas e servizos nos que se gastaron cartos para non abrilos endexamais, e mesmo se pode facer un plan de inclusión progresiva para incluír aos funcionarios no sistema público, pero xa sabemos que isto non é o que lle compensa á CEOE (que por certo, coa ansia que demostra por desmontar o servizo público, non sabemos cantos funcionarios lle quedarán ao final para seguir prestándolles o servizo pola privada).

  1. El sector privado realiza un constante esfuerzo de gestión desempeñando un importante papel formativo e investigador que redunda en beneficio de toda la sociedad.

Comprendemos perfectamente a importancia da investigación para o avance da mediciña e sectores relacionados, por iso nos parece que a investigación non debe en ningún caso estar suxeita ao ánimo de lucro. Investigar supón seguir moitas liñas mortas que non levan a ningures, mais isto non xera cartos: só xera cartos o que se pode publicar e vender, por iso, as liñas mortas non interesan á privada. No tocante á investigación queda máis patente que nunca que cómpre un cambio de paradigma no que a investigación poida ser o máis neutra posible. Vender un medicamento para sacarlle un beneficio nunca é unha actividade neutra. E como exemplo disto podemos lembrar unha última frase do Conselleiro delegado de Bayer: «No creamos medicamentos para indios, sino para los que puedan pagarlo».

Despois da presentación de todos estes factores, a CEOE pasa a expoñer os puntos de recuperación de imaxe que lle corresponde á privada. Se ben a CEOE opina que un 30 % de aseguramento privado quere dicir que a sociedade española está a favor da privada claramente (ver abaixo), non ten moito sentido que antes digan que debe mellorarse a percepción da privada.

  • Reconocimiento de facto (no meramente formal) de la Sanidad Privada como parte del SNS, en los términos recogidos en nuestra Constitución.

Consideramos este punto completamente superfluo. A mesma CEOE di que o 30 % da cidadanía española conta cun seguro privado e que iso demostra a actitude fronte á sanidade privada. A lexislación non só recolle o que se expón neste documento, senón que cada vez amplia máis as competencias e a financiación á privada.

  • Reconocimiento del carácter complementario de la Sanidad Privada y de la flexibilidad, descompresión y alto grado de ahorro que aporta al SNS […]

Xa falamos ao principio de que o aforro é unha falacia e os datos falan alto e claro en contra diso. Respecto á flexibilidade, ben se pode implementar na pública poñendo xestores competentes que non estean ao servizo de intereses alleos á pública.

  • Reconocer la importancia creciente del sector privado para la sostenibilidad del SNS.

Non pode ser. Recoñecer tal cousa implica ignorar todos os recortes que se fixeron co fin último de desmantelar o sistema público e convertelo nun sistema para as clases que non se poidan permitir pagar un seguro. Implica negar que se despediu a moitísimo persoal e empeoraron as condicións do emprego de moitos outros.

  • Reconocer la eficiencia y calidad del sector sanitario español, tanto público como privado.

Outro punto superfluo. Recoñecíase sen ningún problema dentro e fóra de España ata que comezaron os recortes. De novo, querer que se recoñeza a eficiencia e calidade do SNS público ao tempo que se expón en todo un documento que non é tal, que o eficiente é a privada, non ten moito sentido.

  • Apoyo y defensa de la Sanidad privada española a nivel nacional e internacional […].

Todas as leis comentadas e todos os aspectos que desenvolvemos ata agora demostran que o apoio é máis ca suficiente, e que en ningún momento se foi contra as leis da competencia nin do libre mercado. O feito de existir un servizo público non ten que ver en absoluto coa existencia ou non dunha competencia privada, iso si, en ningún caso financiada cos cartos dos nosos impostos!

  • Fomento y defensa de las distintas formas de colaboración público-privada, puesta en valor de los recursos existentes.

Se a privada é tan eficiente, como é que necesita da pública para poñer eses recursos «en valor»?

  • Toma de decisiones en criterios objetivos, medibles y transparentes, alejándonos de formulaciones ideológicas.

Máis arriba xa dixemos que a ideoloxía é todo, dado que ideloxía designa unicamente un conxunto de ideas. Pola contra, sí que nos parece adecuado tomar decisións por criterios obxectivos, medibles e transparentes. De feito, moitos deles xa existen e xa se usan, nos informes da OCDE, nos informes do goberno, nos informes da CCAA… Claro que convidamos á CEOE a contribuir cos que cren que faltan e a apoiarnos na loita pola transparencia da información das listas de agarda, da utilización exacta dos cartos, da xestión dos hospitais, etc. É certo que falta transparencia, por iso nós levamos moito tempo reclamándoa. O que falta verdadeiramente é información veraz, non obxectividade nos criterios.

  • Evitar la discriminación de las entidades sanitarias privadas con ánimo de lucro, sin devaluar el papel de aquellas que no lo tienen, conforme a la Ley General de Sanidad.

Xa expuxemos as incoherencias do Pacto da CEOE no relativo ás súas opinións sobre a sanidade pública, e tamén sobre o que opina da aceptación da privada na poboación en todo o estado.

A modo de conclusión, o Pacto expón que «La gestión de estos recursos es algo que no pueden responsablemente avalar estos gestores, porque su compromiso político atañe a los intereses de todos los ciudadanos, les voten o no.» Unha afirmación semellante ten moita máis miga da que parece, pois dá a entender que o sector privado é total e absolutamente neutral e non se ve inclinado a un lado ou ao outro por intereses de ningunha clase. Isto, dende o momento en que teñen ánimo de lucro, simplemente non pode ser certo, xa que a motivación última é gañar diñeiro. Tentar facer ver que as persoas que xestionan a privada son intrinsecamente máis honestas que as que xestionan a pública é mentir. A xestora pública fai o que lle di o goberno, a xestora privada fai o que lle di a empresa. Porén, é posible implantar mecanismos de garantía de calidade, como se fai en tantos outros sitios. É posible reducir burocracia, é posible reducir tempos de espera, é posible eliminar xestores corruptos colocados a dedo (por certo, na privada tamén se coloca a dedo, e moito máis que na pública).

Por último, a CEOE asegura que «ya la propia sociedad española con sus decisiones día a día con más de un 30 % de aseguramiento privado nos está indicando cuál es su deseo.» Ben poder ser que o 30 % optase por un seguro privado, mais do outro 70 % non din nada, ou será que ese 70 % non conta? Malia que non o menciona no Pacto, no seu Libro Blanco a CEOE admite que ante unha situación de necesidade crecente, minguan os recursos adicados á sanidade pública, mais no canto de criticalo e reclamar unha sanidade que ben os cubre a eles tamén, reclaman que ese espazo debe pertencer á privada, obviando que a privada tamén pode decidir en calquera momento eliminar recursos ou adicalos a outras cousas, como se a eficiencia económica fose un criterio que en si mesmo mellora a saúde. Boa parte da cidadanía, ao ver que non se cubren baixas, que non se substitúen médicos, que tardan meses ou anos en atender patoloxías graves ou que afectan gravemente a calidade de vida, pode recorrer aos seguros privados ante o medo. A chantaxe emocional é clarísima. Desacreditar un sistema público que funcionaba cando España nin sequera «iba tan bien» e pechar camas e despedir persoal co único obxectivo de crear medo non é libre competencia, é tortura.

Non vos podemos contar como continuará exactamente esta historia. Temos as nosas previsións, mais preferimos agardar a que cada agrupación, cada plataforma, cada sindicato, cada partido e cada cidadá e cidadán escriba a súa parte. Nós seguiremos traballando pola defensa dos dereitos que son de toda a cidadanía.

Non esquezades que una poboación sa e con empregos estables ten máis tempo para pensar e para actuar cando considera que algo é inxusto.

Conclusións:

  1. A sanidade pública é máis barata que a privada.
  2. Se a sanidade pública é un negocio ruinoso e insostible condeado a ir ao tacho, como é que unha empresa privada quere encargarse dela? Calquera persoa que teña un negocio propio entende que isto non é unha boa decisión comercial.
  3. O negocio está en levar unha parte dos cartos públicos.
  4. A sanidade pública ten problemas. Non son problemas irresolubles e dende logo a solución non pasa por privatizalos. O problema é a falta de vontade política. Cando houbo vontade política organizábase mesmo se o PIB non medraba tanto coma nos «mellores» anos.
  5. A privada non é tan eficiente como di se ten que empregar tantos recursos en dinamitar o servizo público (a ver se vai ser que competir é moi difícil!).
Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: