‘Entregaron a mans privadas as partes máis sensibles e importantes do sistema sanitario’

A comercialización da saúde. O hospital Álvaro Cunqueiro: a grande estafa, que vén de editar Laiovento. Os dous responderon as preguntas de Praza por correo electrónico en vésperas da manifestación pola sanidade pública deste 12 de maio en Vigo.

O libro denuncia que o obxectivo do goberno de Rajoy é conseguir que a saúde sexa un negocio e non un dereito. Proba diso sería, por exemplo, o RDL que volve a tempos preconstitucionais ao excluír do sistema ás persoas non “aseguradas”. Que outros argumentos poden engadirse para soster esa hipótese do libro?

O RDL 16/2012 é un tremendo salto atrás na historia. É un retorno a un pasado de desprotección e desamparo da cidadanía. Representa a suspensión dun dereito que todos considerabamos consolidado. A perda é incomensurable, porque o dereito á atención sanitaria “é unha das conquistas máis importantes da 2ª metade do século XX, un ben público equiparable ao dereito ao voto, á educación ou a ter unha pensión” (Joan Benach). A sustracción deste dereito vai en contra do principio de “prohibición de retroceso social”: nas democracias modernas as autoridades teñen a obriga de actuar para que os dereitos consolidados non se perdan. Este goberno actúa en sentido contrario: este RDL significa unha auténtica contrarreforma sanitaria.

“O RDL 16/2012 é un tremendo salto atrás na historia. É un retorno a un pasado de desprotección e desamparo da cidadanía”

A contestación social polas deficiencias do Álvaro Cunqueiro (unhas 200.000 persoas manifestándose en Vigo), parece mostrar que o grao de concienciación e mobilización por este tema é elevado. Marciano Sánchez salienta, no seu artigo no libro, a alianza de organizacións sociais formada arredor da defensa da sanidade pública. Esa alianza mantense forte neste momento? Foi unha das claves da mobilización de Vigo?;

Houbo un punto culminante nesta mobilización que foi a manifestación de setembro de 2015, cando saíron ás rúas de Vigo unhas 200.000 persoas. Pero non foi o único momento de expresión da protesta. Os profesionais, os doentes e familiares, e os veciños dos barrios afectados polo abandono dos antigos edificios sanitarios continúan actuando en defensa dos seus intereses e dunha sanidade cen por cen pública en Vigo e comarca. Esta suma de enerxías en defensa do público é o que sustentou tamén o éxito da Marea Branca en Madrid -que conseguiu paralizar a masiva privatización proxectada polo goberno do PP-, e noutras xeografías do Estado. A poboación ten, cada vez máis, unha profunda convicción e unha posición firme na defensa dos servizos públicos.

“A poboación ten, cada vez máis, unha profunda convicción e unha posición firme na defensa dos servizos públicos”

María Luísa Lores denuncia no seu artigo as conexións entre coñecidos políticos e empresas que se benefician da privatización da sanidade. Que tipo de empresas se benefician do proceso?

No entramado que se move arredor dos centros sanitarios públicos hai tramas de todo tipo, conflitos de interese manifestos e portas xiratorias que funcionan con todo descaro. Buscan, con distintas estratexias pero co mesmo fin, facerse co maior bocado posible dos orzamentos sanitarios (que representan o 30-40% dos orzamentos das CCAA). Desde as multinacionais farmacéuticas e as grandes empresas da tecnoloxía sanitaria ata as empresas de catering ou de seguridade. Os lobbies, os grupos de presión, as conexións co poder político: todo vale para facerse cunha parte do pastel. Neste capítulo do libro cítanse numerosos casos de empresas e persoas implicadas neste xogo lucrativo.

“Os lobbies, os grupos de presión, as conexións co poder político: todo vale para facerse cunha parte do pastel”

España ocupa o segundo posto mundial en consumo de medicamentos e o noveno en tecnoloxía, explica M.L. Lores.  E a débeda do Sergas é, sobre todo, coa industria farmacéutica e de tecnoloxía, precisamente (40% da débeda sanitaria a primeira e 33% a segunda). Manuel Martín explica que esta industria impón as súas innovacións e dispara o prezo dos seus produtos (por exemplo, os medicamentos contra a Hepatite C, do laboratorio Gilead, relacionado con membros do PP). De que maneira acadou esa industria esa posición de privilexio para poder intervir así no mercado?

Os mecanismos de presión e os métodos de sedución utilizados pola industria para fomentar o consumo de fármacos -e o abuso de probas diagnósticas- é múltiple e diverso. A iatroxenia provocada por estas prácticas fai máis dano que beneficio. A publicidade indirecta nos medios, o control dos comités de expertos e dos organismos consultores e asesores (mesmo da OMS), a infiltración -e o financiamento- das asociacións de enfermos e afectados, a complicidade dos organismos públicos: todo vale con tal de mellorar a conta de resultados. Hai un libro de Peter Gotzsche, Medicamentos que matan y crimen organizado, que describe polo miúdo estas prácticas. En Galicia, e no resto do Estado, hai unha evidente complicidade dos poderes públicos con estes grandes consorcios, e as “portas xiratorias” funcionan sen pudor (Lamela, Guemes…).

“En Galicia, e no resto do Estado, hai unha evidente complicidade dos poderes públicos con estes grandes consorcios, e as “portas xiratorias” funcionan sen pudor (Lamela, Guemes…)”

Os recortes en sanidade (do 25% respecto do ano pasado), xustifícanse apelando á “crise”. Mais, segundo comentan varios artigos do libro, nin o copago de medicamentos, nin a exclusión de enfermos da sanidade (inmigrantes sen papeis, persoas que vivan no estranxeiro máis de tres meses…), -ademais de ser socialmente inxustos- lograron aforros significativos nas contas da sanidade. Cal é entón o obxectivo destes recortes?

A estratexia parece evidente. Trátase de precarizar e deteriorar progresivamente os servizos públicos (menos orzamento, reducción de persoal, deterioro das condicións laborais, etc) mentres se conceden cada vez máis parcelas de actividade a hospitais concertados e a empresas externas. Mesmo se fixeron campañas –nun determinado medio de información- para degradar a imaxe dos empregados públicos. A finalidade de todo isto non é mellorar a calidade da atención nin aumentar a eficiencia, tal como argumentan, senón xerar espazos de negocio a expensas do diñeiro público. Na primeira lexislatura Núñez Feijoo dixo que se podería “externalizar” todo en sanidade menos a “bata branca”. Na segunda xa puxo enriba da mesa o proxecto das Unidades de Xestión Clínica –en stand bypolo momento, a causa da forte oposición dos profesionais-, que teñen por obxecto “privatizar” o núcleo duro da actividade sanitaria.

“A estratexia é evidente. Trátase de precarizar e deteriorar progresivamente os servizos públicos mentres se conceden cada vez máis parcelas de actividade a hospitais concertados e a empresas externas”

Feijoo cambiou o modelo de financiamento público previsto para o hospital de Vigo por unha fórmula de colaboración público-privada que se asignou a unha unión de empresas formada basicamente por “bancos arruinados e construtoras en bancarrota”. Despois o control da execución do contrato foi asignado a unha empresa creada tres meses antes por unha persoa relacionada co PP. Esta empresa redactou o proxecto definitivo, aforrándolle 30 millóns á concesionaria, sinala Manuel Martín no seu artigo. Cales foron as consecuencias para os usuarios do hospital deste aforro para a concesionaria?

As consecuencias son moi importantes e prexudiciais para a cidadanía de Vigo. O hospital ten menos camas, a superficie construída é moito menor da prevista, a calidade dos materiais empregados é inferior, suprimiron o laboratorio, reduciron os espazos adicados a quirófanos, ao Servizo de Urxencias, reduciron o espazo do aparcadoiro -que ten unhas tarifas inasumibles para moitos pacientes-, etc. Sería moi longo enumerar todas as deficiencias que foron admitidas sobre o proxecto inicial. O máis grave é que a comarca de Vigo queda sen o gran hospital público de referencia para a zona –ao nivel dos que existen noutras cidades de Galicia-, con capacidade para xenerar coñecemento e innovación, e para aspirar á supresión, no futuro,  do concerto singular con Povisa, que debería ser un hospital concertado, como os demais en Galicia, en lugar de ter poboación asignada, como sucede na actualidade.

“O hospital ten menos camas, a superficie construída é moito menor da prevista, a calidade dos materiais empregados é inferior, suprimiron o laboratorio, reduciron os espazos adicados a quirófanos, ao Servizo de Urxencias, reduciron o espazo do aparcadoiro”

En que aspectos se puido incumprir a lei neste proceso, que motivaron a denuncia da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ante a Unión Europea? (Tamén hai un informe dunha consultora, encargada de examinar as ofertas de licitación e escoller a empresa concesionaria, polo que a Xunta pagou 220.000 euros e e que non aparece no expediente pedido polo TSXG, ou un sobrecuste declarado pola unión temporal de empresas que obrigou a Xunta a pagar máis…)

As irregularidades cometidas ao longo proceso de construción deste hospital foron numerosas. Lembremos que a UTE concesionaria, integrada por construtoras arruinadas e bancos rescatados con diñeiro público, non foi quen de conseguir financiamento, polo que a Xunta tivo que aportar fondos do BEI e do ICO. Incumpriron unha norma básica do contrato, no que consta que o financiamento corre por conta e risco da concesionaria. Os severos recortes aplicados supoñen unha modificación do contrato –ao que aspiraban outras empresas que foron descartadas e que se ven prexudicadas por estes modificados-. Ademais tamén pode ser irregular a fórmula elixida para formalizar o contrato. Todos estas anomalías, perfectamente documentadas, foron presentadas pola AGDSP en setembro de 2015 ante a Comisión Europea. Este organismo admiteu a trámite a demanda e ten agora un ano para emitir unha resolución. Se Europa apoia os argumentos presentados pola AGDSP será máis doado recuperar o hospital para o dominio público, e terá un custe menor.

“Se Europa apoia os argumentos presentados pola AGDSP será máis doado recuperar o hospital para o dominio público, e terá un custe menor”

Que consecuencias ten para os usuarios a redución en 55.000 persoas no 2015 do persoal sanitario? Nas listas de espera, por exemplo. (O Sergas alega, por exemplo, que entre 2014 e 2015 “nos centros públicos se fixeron máis intervencións que nunca”, pese a que se suprimiron as operacións de tarde dos médicos).

Esas afirmacións da Xunta son pura propaganda. En Galicia as listas de espera (para cirurxías, consultas e probas diagnósticas) aumentan progresivamente nos últimos anos. Iso a pesar de que só coñecemos os datos das listas “estruturais” (hai listaxes “non estruturais” –aqueles pacientes que son chamados e non aceptan ser atendidos en centros privados- con cifras que descoñecemos, e hai pacientes que figuran no “buzón” –teñen cita solicitada pero sen data asignada- que están, literalmente ocultos “no limbo dos xustos”). Vigo e comarca (case 600.000 habitantes) ten as maiores listas de espera de Galicia e probablemente do Estado. A redución en Urxencias vai provocar colapsos reitados, como xa vén sucedendo, e a redución nos quirófanos vai contribuír a incrementar as listas de espera cirúrxicas.

“Vigo e comarca (case 600.000 habitantes) ten as maiores listas de espera de Galicia e probablemente do Estado”

No “informe dramático” asinado polos dous explicades que se recorta en persoal pero non na parte do orzamento destinada ao nivel hospitalario. De feito, o hospital Alvaro Cunqueiro pasou de custar catro veces máis ao pasar á fórmula mixta público-privada. A Xunta licitou a ampliación da xestión privada do hospital de Ourense, dirixido por unha prima de Feijoo, renovou o concerto co hospital privado Povisa… Que máis se privatizou, na sanidade, cos gobernos de Feijoo? A versión da Xunta é que só se externalizaron servizos como limpeza, seguridade, lavandería…

O gran proxecto de Núñez Feijoo era o novo hospital de Vigo, aínda que –visto o sucedido- hoxe posiblemente non tería impulsado esta anomalía. Pero este non é o único proxecto privatizador. Tamén privatizaron o laboratorio central de Galicia, a alta tecnoloxía –por medio da figura do “socio tecnolóxico”-, e a investigación por medio dos institutos biomédicos de investigacion dos hospitais públicos do Sergas. É dicir: entregaron a mans privadas as partes máis sensibles e importantes do sistema sanitario, as que xeneran coñecemento, innovación e avance na actividade sanitaria. Esta cesión empobrece de forma sensible os servizos públicos. Tamén “externalizaron” o servizo de ambulancias, as telecomunicacións, a cita previa, o servizo de suministro e loxística, o mantemento dos equipos sanitarios, o servizo de catering dos hospitais, etc. Resulta escandaloso coñecer a que mans, tan impropias, foron entregadas todas estas tarefas, realizadas ata hai pouco por traballadores públicos con total eficiencia. E aínda teñen na recámara o proxecto das Unidades de Xestión Clínica, que tentarán impoñer se continúan a gobernar.

“Resulta escandaloso coñecer a que mans, tan impropias, foron entregadas todas estas tarefas, realizadas ata hai pouco por traballadores públicos con total eficiencia”

A Xunta deberá pagarlle 72 millóns anuais á concesionaria do Cunqueiro. Mais esta débeda non computa para a UE. Puido pesar moito ese criterio á hora de optar pola fórmula mixta público-privada que tan pobres resultados dera por exemplo en Inglaterra ou en Valencia? (En Galicia existía ademais o precedente das fundacións hospitalarias, que tiveron que volver ser integradas no sistema público).

En Galicia xa tivemos a experiencia das fundacións sanitarias impulsadas por Romay (sendo a súa man dereita Núñez Feijoo). O goberno presidido por Pérez Touriño tivo que rescatar estas fundacións, pois estaban todas en quebra, e integralas na rede do Sergas. A fórmula elixida para a construción deste hospital persegue dilatar o pago aos próximos vinte anos. É dicir: todos os galegos temos contraída unha grave hipoteca -72 millóns de euros por ano-, que pagaremos ata o ano 2035. Daquela, cando o hospital sexa vello e obsoleto, pasaría a dominio público. O negocio para a concesionaria parece redondo. E se non lle cadran as contas sempre ten a posibilidade de “chantaxear” a Administración. Neste caso é ben doado: non é posible prescindir dos seus servizos.

“En Galicia xa tivemos a experiencia das fundacións sanitarias impulsadas por Romay (sendo a súa man dereita Núñez Feijoo)”

As fórmulas de contratación do Sergas coas empresas de tecnoloxía sanitaria, (socio tecnolóxico e diálogo competitivo), levan a que a administración encargue a tecnoloxía segundo o que lle propoñen as empresas multinacionais que a venden. Así, as empresas deciden sobre renovación de equipos, mantemento, máquinas que se compran e a que prezo, sobre formación do persoal… Segundo o Sergas, iso é un xeito de acceder á tecnoloxía máis moderna, de xeito alternativo ao sistema tradicional de compra (aínda que o Sergas, pasados uns anos, decide se queda ou non coas máquinas). Que supón, na vosa opinión, a figura do socio tecnolóxico? Para que serve?

Serve para entregar directamente o control da tecnoloxía sanitaria ás empresas subministradoras. Serán elas as que tomen as decisións que, por suposto, tentarán que sexan as máis lucrativas. Con toda seguridade vai aumentar o gasto neste capítulo, e vaise xerar un incremento na utilización destas tecnoloxías. A realización excesiva de probas de imaxe (TAC, RMN) non é inocua. Pode provocar “sobrediagnóstico” e mesmo iatroxenia.

“A realización excesiva de probas de imaxe (TAC, RMN) non é inocua. Pode provocar “sobrediagnóstico” e mesmo iatroxenia”

Ángel Cameselle conta no libro como a concesionaria limita os dereitos de liberdade sindical dos traballadores. Mesmo se denunciaron intentos de censura. En que sentido son afectadas a liberdade sindical e de expresión do persoal do Álvaro Cunqueiro?

Os atrancos para dificultar o labor dos sindicatos e da Xunta de Persoal é a constante desde o principio. A falta de espazos para xuntanzas, a ausencia de taboleiros, e mesmo os intentos de censura forman parte da estratexia para tentar calar as voces discordantes. No mes de marzo o xerente fixo pública unha instrucción na que ameazaba con sancións aos que difundisen novas e comentarios críticos en relación co funcionamento e a xestión do hospital. Ao mesmo tempo a concesionario contratou unha empresa para tentar mellorar a imaxe do centro nos medios de comunicación e nas redes sociais.

“No mes de marzo o xerente fixo pública unha instrucción na que ameazaba con sancións aos que difundisen novas e comentarios críticos en relación co funcionamento e a xestión do hospital”

Cales son as vosas propostas para o Cunqueiro, Meixoeiro e antigo Hospital Xeral?

O HAC ten que ser rescatado para dominio público e ten que ser modificado para incorporar todos aqueles espazos e servizos que foron “restados” pola concesionaria. De non ser así a sanidade en Vigo e comarca quedará hipotecada e “secuestrada” durante moitos anos. A toma de decisións estará en mans da concesionaria e dos directivos de Povisa. A Administración estará totalmente condicionada pola concesión e o concerto singular. É imprescindible reverter esta situación o antes posible. Ademais é preciso mellorar e dotar adecuadamente a Atención Primaria e presentamos unha proposta para dar unha utilización sanitaria aos edificios abandonados do Xeral, Anexos e Meixoeiro. Cómpre lembrar que a dotación sanitaria de Vigo e comarca actualmente é moi insuficiente. Sería un delito deixar arruinar eses edificios, coa actual escaseza de centros sanitarios.

“O HAC ten que ser rescatado para dominio público e ten que ser modificado para incorporar todos aqueles espazos e servizos que foron “restados” pola concesionaria”

En todo isto, (e tamén coa lei que restrinxe o tempo máximo de espera e ofrece a posibilidade de ir a un privado), tamén se benefician hospitais privados aos que o Sergas deriva parte do traballo. O libro detense no caso de Povisa, e na súa campaña tras perder moita xente que pediu cambio de hospital. O Sergas alega, aquí, que a súa idea é só mandar as operacións menores aos hospitais cos que ten concerto… Que hospitais e de que xeito se benefician desas tendencias privatizadoras?

As derivacións desde o Sergas a centros privados para realización de probas e para cirurxías aumentaron notablemente co actual goberno galego. Todos os hospitais de Galicia incrementaron a súa actividade e os seus beneficios. A lei de garantías de tempos de espera está dirixida, máis que a beneficiar aos doentes, a protexer esta actividade derivada. Mais o caso de Povisa é diferente. Non é un hospital concertado (que fai actividade asistencial en función das derivacións realizadas desde os hospitais públicos) senón que forma parte da rede asistencial e ten poboación asignada (a península do Morrazo e parte da cidade de Vigo -arredor de 140.000 persoas-). Ten asinado un concerto singular que foi recentemente mellorado e prorrogado por dez anos máis (sendo conselleira Rocío Mosquera, que traballaba nesa empresa antes de acceder á política).

Orixe: ‘Entregaron a mans privadas as partes máis sensibles e importantes do sistema sanitario’ – Praza Pública

Anuncios

Los comentarios están cerrados.

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: